A Asociación Empresarial de Valdeorras celebra os próximos 13, 14 e 15 de outubro unha nova edición de Gastromímate, unha iniciativa que conta co apoio da Deputación de Ourense, e coa que dende o 2021 pon en valor a gastronomía da comarca con especial énfase na maridanza cos viño da DO Valdeorras. Neste 2023, os protagonistas son os mesmos, pero Gastromímate evoluciona no seu formato para implicar ao comercio co obxectivo de destacar o valor económico trasversal da gastronomía.
Desta maneira, trinta e dous estabrecementos comerciais, entre tendas e bares, disporán o venres 13 e sábado 14 dun recuncho gastronómico de outono onde degustar petiscos elaborados con produtos de tempada. Ademais, celebraranse dúas catas maridaxe con tapas de outono e viños da DO Valdeorras para as que é necesario reservar praza. As actividades de Gastromímate terán lugar no Barco e, por vez primeira, tamén na Rúa, onde AEVA quere incentivar que máis negocios se sumen á asociación empresarial.
Degustacións en comercios e bares
Un total de trinta e dous estabrecementos de trinta empresas distintas disporán na tarde do venres (a partires das 18.30) e na mañá do sábado (a partires das 12.00) dunha proposta gastronómica destinada a sorprender á clientela cun agasallo de sabor premiando a súa aposta polo comercio local e promovendo a difusión da nosa gastromía. A proposta será similar en todos os comercios, con petiscos elaborados con produtos de tempada e da zona: castañas, noces, cabaza, setas, queixo, mel, etcétera. No caso dos bares, será unha proposta única de culler e nas tendas, elaboracións adecuados para o contexto comercial.
Os locais que participan no Barco son Agricentro Terán, Ana de la Puente Perfumería, Bar Jardín, Boutique Suá, Café Bar ANJ3L, Café Bar Lisboa, Café Bar ZigZag, Carnicería Lola, Churrería A General, Corsetería Lady´s, Cousanosa Artesanía e Decoración, El Muro del Malecón, Estanco Librería Laura, Estética Pamen, Ferretería Moncho, Librería Delia, Librería Murciego, Mercería Raquel, Miranda Moda, Multiópticas, Plantoval, Rosendo, Ton y Son, Varadero e Volaverunt. Na Rúa, o recuncho gastronómico estará en Agricentro Terán, Arnaveca Comunicación, Deportes Aris, Fíos, Mercería Raquel, Rosendo e Tenda de Viños Cecilia Fernández.
Aquí podedes consultar o mapa dos locais participantes:
Catas maridanza con viños da DO Valdeorras
En paralelo ás degustacións nos espazos comerciais, Gastromímate inclúe a celebración de dúas catas nas que se combinarán tres tapas elaboradas con produtos de outono con tres viños da D.O. Valdeorras. As maridanzas estarán conducidas por Mercedes Embajadora e celébranse o sábado 14 ás 13.00 horas na Praza do Concello da Rúa, e o domingo 15 ás 13.00 horas no Paseo do Malecón do Barco, á altura da Praza José Otero. Se a climatoloxía é adversa, trasladaránse ao Centro Cultural Avenida da Rúa e á Casa do Río Cigüeño no Barco.
Concurso nas redes sociais
Os días que dure Gastromímate (13, 14 e 15 de outubro) estará en marcha un concurso de fotografía en Facebook e Instagram para compartir imaxes das degustacións nas tendas e estampas do outono en Valdeorras incluindo algún elemento da gastronomía comarcal: viño, produtos elaborados, naturais, etc.
Para entrar no concurso hai que incluir na publicación o texto #gastromimate e #aevavaldeorras e etiquetar o perfil de AEVA en cada rede social, para poder rastrexar as publicacións e incluilas no concurso. Entre os participantes sortearánse dúas cestas de produtos da comarca valoradas en máis de 30€, unha da Tenda da Rita e outra da Tenda de Viños Cecilia Fernández, ambos negocios asociados de AEVA.
Todas as fotos publicadas, tanto nas historias coma nos muros das plataformas entrarán no concurso independentemente de quen a publique. Por iso, cantas máis fotos se etiqueten para o concurso, máis posibilidades haberá de optar a un premio. O sorteo farase unha vez que remate Gastromímate e recollerase o premio na sede de AEVA.