AEVA imparte un curso de primeiros auxilios dirixido á empresa

Noticia do Diario Dixital Somos Comarca

No marco do programa AEVAempregaTE, lanzado pola Asociación de Empresarios de Valdeorras, estes días leva a cabo o curso Primeiros Auxilios na contorna laboral, impartido no Centro de Formación da Praza Andrés de Prada do Barco, no que participan case unha decena de alumnos e alumnas.

primeros-auxilios

Este curso ten como obxectivos principais, facilitar a formación que teñen que ofrecer as empresas para cumprir coas súas obrigacións legais en materia de seguridade e saúde no traballo, proporcionar os recursos e habilidades para practicar os primeiros auxilios a unha persoa accidentada e estabilizar a súa situación, e proporcionar os coñecementos adecuados para saber reaccionar e actuar en diferentes momentos críticos.

Para cumprir con estes obxectivos específicos, conta o curso coa experiencia do seu docente, o técnico de Emerxencias Sanitarias, Leonardo David Dominguez Alonso, quen tamén é Instrutor RCP- DESA e capataz de Protección Civil. A súa carreira como docente desenvolveuse na Confederación Empresarial de Ourense, Deputación Provincial, Cruz Vermella, e outras empresas, concellos e asociacións de veciños e colexios.

A formación en primeiros auxilios está dirixida a empresarios, traballadores e público en xeral, e a duración total é de 10 horas repartidas en tres xornadas. As dúas primeiras xa se levaron a cabo, agora falta por desenvolver a xornada de mañá xoves día 28 de xuño.

Curso de Creación de Produto Enoturístico

En canto á primeira das formacións, que levou a cabo neste mes de xuño e que finalizaba o pasado xoves día 21, AEVA fixo chegar as súas boas impresións. Unha vintena de asistentes procedentes de distintos sectores, turismo, adegas, hostaleiros e outros interesados no programa AEVAempregaTE , asistían ás formacións teórico-prácticas, de onde se concluíron, a pesar do escaso tempo do que dispoñían, sete proxectos enoturísticos, a «cada cal máis ambicioso, creativo ou orixinal», explican en AEVA. E non é para menos, se a docente encargada de impartir o curso non é outra que a sumiller Mercedes González, experta en formación e comunicación que preside Vitislucus-Expertos en Análise Sensorial e Enoturismo.

Nas clases deste curso «traballouse querendo ofrecer novos produtos, ante a demanda crecente de innovación continua neste campo». Ademais, falouse moito de enoturismo, mesmo se falou de xerar unha bolsa de profesionais capacitados para cubrir os postos que demanda o sector do enoturismo.

Tanto á presentación como a clausúraa do curso, asistían os presidentes de AEVA e da Asociación Ruta do Viño de Valdeorras, Araceli Fernández e Joaquín Sanchez, respectivamente.

O programa de emprego de AEVA inclúe en total seis acciones formativas, dúas desenvolvidas, ou a piques de concluír, ata a data. As outras catro oriéntanse cara ao márketing dixital e redes sociais, o idioma inglés na atención ao cliente, a calidade do servizo en hostalería, e o coworking e a iniciativa emprendedora. Ás accións formativas, uniranse unhas xornadas sobre procura eficiente de emprego.

Ver noticia no Diario Dixital Somos Comarca

Comments are closed.