AEVA

ValdeorrasA Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) constituíuse na asemblea xeral celebrada o día 30 de marzo de 1990, e o seu primeiro presidente foi Carlos Terán Díaz. No mes de abril de 1992 foi elixida presidenta Mª Carmen Rodríguez González, que renovou o seu cargo no ano 1996 e permaneceu como tal ata o mes de abril de 2000. Sucédea no cargo, desde 2000, Santiago Melo Moreno, que renovou o seu cargo por catro anos na asemblea xeral celebrada en novembro de 2004. O actual presidente é Javier Rodríguez Paradelo que foi nomeado en xullo de 2008.

A Asociación creouse para representar, xestionar e defender os intereses dos empresarios asociados e favorecer o desenvolvemento socio-económico da comarca de Valdeorras, e coordinar as súas actividades coas institucións públicas e privadas en favor da consecución de mellores infraestructuras e investimentos na zona.

Os órganos de goberno da Asociación son a Asemblea Xeral, formada por tódolos empresarios asociados, e a Xunta Directiva, na que están representados tódolos sectores productivos con implantación na comarca.

Na Asociación encóntranse representados os distintos sectores productivos implantados na comarca (comercio e servizos, construción e obras públicas, metal, madeiras, vitivinícola, transportes, hostalería, profesionais e grandes empresas).

A Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) traballa en colaboración coas distintas institucións públicas e privadas – Concellos, Fundación Comarcal Valdeorras, Asociación Galega de Pizarristas, Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, Asociacións Empresariais Sectoriais de ámbito provincial,… tanto nas actuacións que teñen que ver coa defensa dos intereses das empresas asociadas, como na organización de actividades e a posta en marcha de proxectos en favor da dinamización, divulgación xeración de novas actividades.

A partir do 1 de agosto AEVA é centro colaborador do Servizo Público de Emprego de Galiza levando a cabo, na sede da praza de Andrés de Prada actividades de información, orientación e busca de emprego.

O ámbito de actuación da Asociación Empresarial de Valdeorras abarca a comarca de Valdeorras, porta natural de entrada a Galicia dende a Meseta, situada no extremo nororiental de Ourense limítrofe con Castela e León. Ten una extensión de 969 km2 e os seus 30.000 habitantes repártense nos nove municipios que o integran: O Barco, O Bolo, Carballeda, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín.